O Concello presentou aos veciños dos Tilos o proxecto de reurbanización da rúa Castiñeiro
• O equipo técnico explicou as principais características de
reforma que pretenden ser un modelo que identifique a urbanización .
• O alcalde destaca “a humanización do espazo que se busca a través
desta importante intervención”.
• O proxecto ten un presuposto de case medio millón de euros e está
financiado polos fondos do FEIL.
O Concello presentou onte nunha reunión cos veciños/as dos Tilos o
proxecto de reurbanización da rúa Castiñeiro, unha das arterias
principais da urbanización na que se atopa o centro comercial e un dos
accesos ao CEIP, ao centro de saúde e ao entorno da igrexa.
Segundo explicou o equipo técnico presente na xuntanza, a través desta
actuación integral “búscase unha imaxe propia para a urbanización sen
romper o equilibrio da mesma coa abundante natureza do entorno”. Esta
obra nesta parte concreta da urbanización quere ser un proxecto piloto
que sirva de modelo para trasladar de xeito flexible ao resto da zona.
O alcalde de Teo, Martiño Noriega, explica que con esta obra “búscase a
humanización do espazo gañando terreo para as persoas”. O rexedor
destaca de xeito moi positivo a reunión co colectivo veciñal dos Tilos
e matiza “que este tipo de obras teñen que explicarse á cidadanía para
que sexa partícipe da actuación no seu territorio”.
A obra na rúa Castiñeiro prevé actuar sobre 4.500 metros cadrados
sumando o vial e a praza que está diante do centro comercial. En metros
lineais a rúa a reforma da rúa chega ao redor dos 1.000 metros. As
principais novidades da reforma son a nova organización do tráfico e a
recuperación da propia praza que neste momento se usa só como
aparcadoiro.
A rúa será de dobre dirección ata a zona do Centro Comercial onde se
fará unha pequena rotonda para regular o tráfico e a partir dese punto
ata o final da rúa será de dirección única cara o entorno do colexio.
Entre os elementos previstos destaca unha marquesina de autobuses e
unha escaleira en forma de terraza na parte baixa da praza que pretende
ser un balcón verde sobre a urbanización.
Na reforma prevista ensánchanse as beirarrúas de cara a cumprir cos
parámetros de accesibilidade e auméntanse os anchos dos carrís de
circulación. Debido a estas melloras e á propia reorganización do
tráfico elimínanse parte das prazas de aparcamento que existen neste
momento.
Ademais do cambio de pavimento realizarase a substitución do mobiliario
urbano, bancos, papeleiras e luminarias. Tamén se prevé deixar
preparados dous foxos para a instalación de colectores subterráneos que
se solicitarán á Consellería de Medio Ambiente.
Unha das novidades é o incremento da superficie verde a través dun
pavimento de céspede formigón sobre todo na praza do Centro Comercial.
Tamén se prevén espazos para a plantación de plantas e arbustos.
As instalacións de electricidade, abastecemento de auga, saneamento e
telefonía non se modifican xa as consultas técnicas indican que son
aceptables.
Na reunión realizada nos Tilos os/as veciños/as apuntaron que se
valorase mover algúns elementos como a marquesiña e a preocupación polo
tráfico. Ante a reorganización do tráfico que se prevé apuntaron a
posibilidade de reformular os fluxos do tráfico en toda a urbanización
para non presionar arterias concretas da zona. As aportacións que se
comentaron na reunión foron recollidas polo equipo técnico e valorarase
a introdución de moficacións puntuais que as atendan.
O presuposto previsto para esta obra é de case medio millón de euros,
concretamente catrocentos setenta mil euros. A actuación está
financiada na súa totalidade polo Fondo Estatal de Inversión Local
(FEIL) do Ministerio de Administracións Públicas. Este Fondo ten uns
prazos de execución moi curtos polo que a actuación realizarase nos
próximos meses.