BNG de TEO

Contacta connosco:

Tfno: 628 606043- Correo: teo@bngteo.org

novas

As xestións do goberno municipal impiden o peche dos centros de saúde de Calo e Os Tilos

A principios de ano os veciños de Teo vivíramos con moita preocupación a intención da Consellería de Sanidade -expresada no Plan director- de proceder á centralización dos servizos sanitarios do concello nun novo centro a construír na Ramallosa, non porque este non fose necesario, que o é e moito, senón porque iso supuña, como se lle notificou aos propios médicos titulares do servizo, o futuro peche dos centros de Calo e Os Tilos.

O BNG lamentábase de que o Plan director non contemplase a dispersión territorial ou as deficientes e custosas comunicacións internas do concello, valorando tamén a boa asistencia sanitaria impartida nestes centros de proximidade que era ademais unanimemente recoñecida polos veciños e veciñas de Teo.

A mobilización cidadán e as presións do BNG non deron conseguido naquel momento un posicionamento claro da Consellería que, se ben dicía que non había unha decisión tomada ao respecto, negábase a afirmar que eses centros non se foran pechar. Esta falta de compromiso e a clara orientación do Plan Director supuñan unha seria preocupación para o conxunto dos afectados e, loxicamente, tamén para o BNG e para o novo goberno.

Consecuentemente, unha vez ao fronte da Alcaldía, activáronse as xestións e negociacións precisas para darlle unha definitiva solución ao problema. Por fin, na reunión celebrada o 11 de setembro entre o Alcalde de Teo e a Xerente de Atención Primaria de Santiago Ana Isabel Castaño, esta garantiu que os centros periféricos dos Tilos e Calo seguirán funcionando e a construcción do centro da Ramallosa non conlevará o seu peche. Na mesma reunión concretouse que o Centro Sanitario da Ramallosa comezarase a construír en canto o PXOM do concello de Teo sexa aprobado.

Esta iniciativa viña a complementar outras concrecións relevantes no campo social e dos servizos acadadas nestes primeiros 100 días de goberno coma, por exemplo, a cesión á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar dos terreos necesarios para a construción dun centro de día na planta baixa dun edifico no que tamén se construirán vivendas sociais de aluguer para a xente moza, todo sen ningún custe para os veciños de Teo xa que a Vicepresidencia da Xunta asume tanto os gastos de construción coma os de mantemento do centro.

Campañas

Ampliar a información

Enquisa

Está vostede a favor da xestión pública das escolas infantís?

 

Si

Non

Non sabe

 

 

Ver Resultados