Contacta connosco:
Tfno: 628 606043- Correo: teo@bngteo.org
O Cuarteto de rock-soul SNATCH actúa o día 11 no campo da festa de Recesende
• O martes 14 actuará en Luou a formación de música tradicional Alvariza acompañados do grupo de pandereteiras Fargallo
O programa cultural do concello de Teo XprésaTE-Ho continúa o día 11 coa actuación do cuarteto de rock-soul Snatch no campo da festa de Recesende a partir das 22,30 horas. A formación está composta por catro persoas afincadas no concello; Paola Piñeiro –voz-, Germán Prieto –guitarra eléctrica-, Pablo Laranxo –baixo e voces- e Xacobo Gallego na batería.
Segundo explican os integrantes de Snatch o grupo nace no ano 2006 coa pretensión de facer música en galego tomando como base diversos estilos (soul, rock, reagge, blues, funk e música de raíz). Neste 2007 gravaron tres temas no Estudio 5 da Radio Galega e en xuño pasado resultaban gañadores do II Certame Millarock.
A seguinte actuación do programa cultural terá lugar o próximo martes 14 no campo da festa de Luou no que tocará a formación de música tradicional Alvariza. A partir das 22,30 horas esta agrupación presentará un concerto no que se poderá escoitar música tradicional galega, murgas, charangas, pezas vogais con pandereita… Alvariza estará acompañada doutros artistas, entre eles o grupo de pandereteiras Fargallo.
Alvariza nace no ano 2000 e os seus membros teñen unha relación activa co movemento asociativo do concello de Teo. Segundo explican coa súa música tratan de encher o oco deixado polas murgas e orquestinas do s.XIX e recuperar a música tradicional galega. Teñen un disco editado pola Deputación de A Coruña, chamado Imaxinaria do ano 2005 e teñen previsto gravar un novo traballo este inverno. As súas próximas actuacións serán o 15 de agosto na Fonsagrada, o 25 en Piornedo, nos Ancares e o 2 de setembro en Tordoia.
Noutra orde de cousas o mércores 15 proxéctase a película Mia Sarah no campo da festa de Lampai ás 22,00 horas. No caso de que o tempo non acompañe a actividade farase no teleclub. A proxección enmárcase na programación Noites de cine, que se realiza en colaboración da Deputación Provincial de A Coruña.